Cerimonias Familiares - 2/2 - Vodas e enterros



Cerimonias Familiares - 2/2 - Vodas e enterros



Como continuación ás cerimonias familiares vou tratar nesta segunda parte o matrimonio e os funerais.


Para ler o artigo completo clicar en "Seguir leyendo" que figura a continuación.



A voda


Na época dos meus recordos, cara a metade do século pasado, as relacións de parella levaban o seu tempo antes de cristalizar nun matrimonio. En primeiro lugar o home debía facerse un lugar na vida tratando de conseguir os medios de subsistencia para a súa esposa. Era moi frecuente nesa época que os recentemente casados convivisen cos pais ou sogros nos primeiros anos despois do matrimonio, aínda que a súa aspiración era poñerse pola súa conta canto antes para gañar en intimidade e independencia, evitando os conflitos que toda convivencia xera. A muller que vivía co seu marido en casa dos sogros sentíase como unha criada sen ningún dereito nin retribución. Os homes emigraban temporalmente desde moi novos, primeiro como aprendices acompañando a outro veciño máis experimentado, para despois do servizo militar traballar xa pola súa propia conta. Estas tempadas fóra de casa permitíanlles acumular algúns aforros que lles desen certa seguridade no seu futuro matrimonio. Isto facía que tradicionalmente os homes casasen algo máis tarde que as mulleres, roldando xa a trintena. En décadas anteriores a idade do matrimonio dos homes atrasábase mesmo ata a corentena. A idade normal para o matrimonio das mulleres era a partir dos vinte anos e antes dos vinte e cinco. Críase que a moza que superase esa idade aínda solteira tería dificultade en atopar parella.
Fotografía de Voda de comenzosdo século XX

Os mozos da aldea coñecíanse desde que nacían. Víanse na misa, nas feiras, nas festas patronais, nos bailes dos domingos, nos traballos comunitarios tales como a sega, malla e esfollas, ademais de compartir as longas horas de pastoreo no monte coas vacas, por citar só algunha das oportunidades para relacionarse e coñecerse que cimentaban unha sólida amizade, ou que desembocaban nunha relación máis persoal unha vez espertado o interese mutuo. Nesta longa convivencia íanse forxando noivados, dentro das estritas normas morais da aldea, onde todo se sabía e onde ningún segredo se mantiña. Cando xa se comezaba a percibir unha amizade máis especial, o mozo visitaba á moza na súa casa os xoves á tardiña, onde pasaban longos intres falando ou chanceando no corredor da casa, sempre á vista da xente e convenientemente vixiados por algún adulto. Estas visitas eran esperadas con ilusión por ámbalas partes. A moza aseábase despois do traballo no campo e vestíase para a ocasión, coidando tamén o seu peiteado. Os mozos tamén se aseaban para ofrecer a súa mellor imaxe, aproveitando a charla para lear e fumar un par de cigarros de picadura acendidos co chisqueiro de mecha e que nalgunhas ocasións tamén axudaban a superar algúns intres de nerviosismo nas primeiras citas.
Tabaco e accesorios comúns nos años 40s
As mozas mostraban preferencia por aqueles mozos que saían a traballar fóra da aldea na emigración temporal e que notaban que contaban con máis diñeiro en efectivo que os que quedaban no pobo, vestían mellor nas festas e convidaban ás mozas a algunha consumición. No seu foro interno as mulleres aspiraban a deixar o pobo e os pesados labores agrícolas. Vían a vida na cidade como un mundo diferente ao que aspiraban, sabendo que quedándose na aldea renunciaban a ese soño. Á marxe do namoramento espontáneo tamén había matrimonios de conveniencia, forxados xeralmente entre as familias máis adiñeiradas para unir facendas a través da voda dos seus fillos.


Tras un longo noivado formal que adoitaba durar entre un e dous anos, e despois de ter o si da noiva, o mozo pedía a man aos seus pais. Esta petición, como tantos outros tratos na aldea, adoitaba facerse na cociña ao redor do lume, lugar sobre o que viraba a vida da familia. Na aceptación do pretendente primaba máis o aspecto práctico que o sentimental. Valorábase que a parella fóra dunha familia honrada e traballadora e que garantise o sostemento da muller. Unha vez aceptado o compromiso adoitábase facer unha comida entre as dúas familias; primeiro en casa da noiva e logo na do noivo. Estas dúas comidas eran unha forma protocolaria de achegamento entre os que serían consogros e onde se trataban algúns aspectos prácticos relativos ao novo matrimonio, forma de organizar a celebración, comida e outros detalles.


A noiva comezaba ou continuaba con ilusión a preparación do seu enxoval, como paso previo ao matrimonio, que era o momento cume da súa realización persoal como muller, na vida simple da aldea. Unha vez aceptado o compromiso, a parella oficializaba o seu noivado fronte ao resto da comunidade, adquirindo un status especial que se reflectía no seu comportamento nas relacións sociais moi semellante ao dos matrimonios xa formalizados. As rupturas posteriores de compromisos formalizados eran moi infrecuentes, pero cando se producían podían ter fatais consecuencias para a noiva, que corría o risco de non atopar un segundo pretendente, especialmente se xa excedía os vinte e cinco anos.

Fotografía de Voda de comenzosdo século XX

Despois fixábase a data da voda e comunicábase ao cura, quen debía iniciar a apertura do expediente matrimonial e proceder á proclama das amoestacións, que se anunciaban durante os tres domingos anteriores á celebración. As amoestacións son unha comunicación pública da intención da parella de contraer matrimonio, pedindo o cura que se alguén coñecía algún impedimento para esa unión o comunicase antes da ligazón. Estes impedimentos pretenden evitar vodas forzadas, con vínculo de consanguinidade, persoas xa casadas, e outras incompatibilidades.


En épocas de escaseza, como son as relativas á etapa que relato, non había medios económicos para moitas extravagancias nestas celebracións. Os contraentes acostumaban facerse un traxe novo para a ocasión, que logo serviría noutros acontecementos formais. O que eu recordo é que as noivas ían vestidas de negro, con mantela da mesma cor, e os homes con traxe tamén negro ou escuro, camisa branca e gravata ao gusto. A gravata negra só se usaba polo home en caso de loito, xunto ao brazalete negro na chaqueta. A noiva compraba a tea negra en Ourense e a modista do lugar facíalle un vestido novo que logo usaría en calquera outra celebración. O único adorno alusivo á cerimonia era o ramo de flores da noiva, que despois da ligazón deixábaselle como ofrenda aos pés da Virxe. O ramo de flores facíase coas que houbese nese momento na aldea xa que nunca se compraban. O peiteado da noiva facíallo ela mesma axudada por algunha amiga ou familiar, aínda que algunhas veces íase a Ourense nos días previos, sendo as permanentes a moda imperante de entón. O único adorno sobre o vestido negro era a típica medalla de ouro colgada ao pescozo, completando a vestimenta cos imprescindibles pendentes e a alianza no dedo despois da cerimonia. O que non se tiña, pedíase prestado a outro familiar ou veciño para a ocasión.


 A ligazón afacía celebrarse un sábado pola mañá, inverno ou verán, segundo cadrase, sendo preferible o verán, aínda que non debía coincidir coas épocas de maior actividade agrícola. Os invitados congregábanse pola mañá respectivamente na casa do noivo ou da noiva, dependendo de quen os convidase, onde tomaban a "parva", que era unha copa e un anaco de roscón ou algunha galleta, á vez que entregaban os seus agasallos. Desde alí saían todos xuntos cara á igrexa. Na igrexa non había ningún adorno especial, nin sequera flores. Á misa asistían os contraentes acompañados dos padriños, familiares e convidados. O cura saía a recibir aos contraentes á porta da igrexa, dáballes a súa bendición entrando xa ámbolos dous do brazo ata o altar. Iniciada a misa, e despois das lecturas da Epístola e o Evanxeo, celebrábase a cerimonia do matrimonio propiamente dita. A cerimonia preconciliar era moito máis sinxela que a actual:


Axeonllados os noivos ante o crego, contestaban á pregunta de se se aceptaban mutuamente como marido e muller "segundo o rito da nosa santa nai Igrexa", e respondían: "Si, quero". Unían as súas mans e o crego proclamaba que xa estaban casados. "Ego vos coniungo in matrimonio in nomine Patris et Filii et Spiritus Sancti". Seguidamente eran asperxidos con auga bieita e en silencio intercambiaban os aneis bendicidos polo sacerdote e pasábanse as arras. Finalmente o sacerdote daba a bendición nupcial.

Fotografia de Voda dos anos 40s

Era frecuente usar as alianzas e as arras de prata da cerimonia prestadas por algún familiar ou veciño que as tivese. A alianza comprábase posteriormente canto antes, se aínda non se tiña, mesmo aínda que só fóra de ouro baixo. Naquela época non había cursos prematrimoniais obrigatorios, aínda que si era preceptiva a confesión para recibir o sacramento. Despois da cerimonia, os contraentes, padriños e testemuñas pasaban á sancristía para asinar no libro parroquial. Os noivos solicitaban os padriños entre os seus familiares ou amigos, non sendo costume naquela época que os pais fixesen esa función.

Un caso especial de voda, que se daba con algunha frecuencia, era a voda "por poderes". Esta producíase cando o noivo emigrara a algún país afastado, xeralmente Sudamérica, facendo sumamente custoso desprazarse exclusivamente para a cerimonia matrimonial. Existía un procedemento mediante o cal o interesado comparecía no consulado español correspondente e outorgaba poder a un familiar na aldea para que contraese matrimonio no seu nome na cerimonia relixiosa. Posteriormente o novo esposo reclamaba a súa esposa ao país onde residía para reunirse e comezar unha nova vida xuntos.

Outro caso particular era a voda cando algún dos contraentes estaba de loito. Isto podía darse con relativa frecuencia, tendo en conta que o período de loito podía durar dous ou tres anos, dependendo do parentesco dos noivos co falecido. Nestes casos ámbolos dous contraentes adoptaban o loito, sendo a única diferenza respecto dunha voda normal que se prescindía das celebracións profanas, incluída a comida nupcial, e que o noivo adoptaba a gravata negra, xa que a muller sempre se casaba de negro, engadindo nesta ocasión tamén as medias negras, que eran exclusivas do loito.


Despois da misa e a cerimonia facíase un almorzo con chocolate, roscón e as bebidas habituais de anís, coñac, licor café e viño Sansón, seguindo daquela o baile no salón, ou ao aire libre. Na segunda metade dos anos cincuenta, cando a situación económica ía mellorando, xa se xeneralizou facer comida para os convidados na propia casa ou no salón de baile. Pedíase prestada a vaixela, cadeiras, e demais utensilio así como o enxoval necesario para unha comida tan numerosa, que preparaba algunha cociñeira habituada a ese tipo de comidas. O menú era o tradicional para estas grandes ocasións: cocido, sopa, carne cocida, carne guisada con arroz, terminando con roscón ou arroz con leite, café e os tradicionais licores. Como era habitual neste tipo de comidas festivas había cantidade suficiente para que todo o mundo quedase totalmente farto, alongándose ata ben entrada a tarde para enlazar co baile amenizado polo acordeonista do lugar. Algunhas veces celebrábase unha "revoda" ao día seguinte en casa do noivo, cun carácter máis íntimo e familiar. Nestas comidas non había torta nupcial, non se repartían puros nin ningunha das extravagancias que as modas foron impoñendo.

Fotografia de Voda - Anos 50s

Os agasallos que recibían os contraentes eran escasos e de orde eminentemente práctica, dadas as carencias do momento. Utensilios domésticos ou pezas prácticas, como colchas, mantas, alfombras, sabas, xogos de toallas, vaixela e utensilios domésticos. Era frecuente entregalos o propio día da voda antes da cerimonia en casa dos contraentes. A viaxe de noivos non era habitual, e como moito aproveitábase a ocasión para visitar a algún parente que residise noutra poboación para durmir na súa casa e pasar algúns días fóra da aldea sen necesidade de pagar unha pensión ou hotel. De todos os xeitos, os recentemente casados que llo podían permitir marchábanse de lúa de mel tres ou catro días, ou mesmo unha semana, sendo Vigo o destino máis habitual. Hai que lembrar que naquela época o home viaxaba fóra da súa aldea con bastante frecuencia polas súas tempadas de emigración estacional, pero a muller raramente saía da súa comarca, salvo con ocasión da viaxe de noivos. As fotografías de voda limitábanse á foto formal que se facía no estudo fotográfico de Ourense, onde se acudía nos días seguintes á voda, sendo o ramo da noiva achegado polo propio fotógrafo para a ocasión. O que referín é o que eu vin entre a xente sinxela da aldea. Seguramente habería casas que se permitían outros luxos e caprichos, pero en todo caso serían a excepción e non a regra xeral do que relatei. A medida que avanzaba a década dos cincuenta e sobre todo nos sesenta, rapidamente se foron adoptando os costumes e celebracións xa xerais no resto do Estado.



Os Santos Óleos


O Xoves Santo ten lugar a "misa Crismal", concelebrada polo bispo, onde o centro da cerimonia é a bendición dos santos óleos, que necesariamente debe ser feita por parte do Sr. Bispo. A bendición adoita facerse despois das lecturas sacras e sobre os tres tipos de aceites: O santo crisma, o óleo dos catecúmenos, e o óleo para a unción dos enfermos. Usaranse para os sacramentos do bautismo, confirmación, orde e extremaunción respectivamente. O santo crisma conságrase, en tanto que os outros óleos só se bendicen. Os Santos Óleos son unha mestura de aceite de oliva con algún bálsamo ou aroma para obter fragrancias simbólicas.

Os tres tipos de Santos Óleos

O óleo dos catecúmenos úsase sobre o neno que se vai a bautizar antes do bautizo. O santo crisma úsase despois do bautismo, na confirmación, na orde sacerdotal e na consagración de novos templos. O óleo dos enfermos úsase para infundir valor ao enfermo en transo de morte.



O Concilio Vaticano II


O Concilio Vaticano II foi un concilio ecuménico, é dicir, de carácter xeral onde foron convocados todos os bispos polo papa Xoán XXIII, que o anunciou en 1959. A primeira sesión celebrouse en 1962, sendo clausurado en 1965 xa polo papa Paulo VI.

Papa Xoán XXIII
Papa Paulo VI

Os obxectivos do concilio foron moi amplos, aínda que de forma xeral podemos resumilos dicindo que foi unha posta ao día da igrexa para adaptar a relixión católica aos tempos actuais, buscando á vez unha renovación moral da vida cristiá dos fieis.


Fago referencia a este acontecemento neste blogue, xa que a renovación da liturxia que implantou supuxo un cambio fundamental na forma de vivir a práctica relixiosa. Abandonouse o latín nas cerimonias litúrxicas para achegarse máis aos fieis facéndoos partícipes das celebracións. Simplificouse o cerimonial e a vestimenta dos cregos, desposuíndoos dos deseños recargados, facéndoos máis sinxelos e funcionais, abandonando ademais a tradicional sotana por parte dos sacerdotes na súa vida diaria. Implantouse a celebración da misa de fronte aos fieis, que á súa vez debían participar dunha forma máis directa no seu desenvolvemento expresándose no seu propio idioma. Os cambios anteriores son só un exemplo da profunda reforma na liturxia católica, alcanzando a actualización na forma e no fondo a outras moitas áreas que non son o obxecto deste blogue. En definitiva foi unha ruptura co pasado que coincidiu coa modernización de España no seu conxunto, tanto no aspecto económico como social.

Asistentes ao Concilio Vaticano II

Todas as cerimonias litúrxicas que relato neste post sobre acontecementos santificados cun sacramento desenvolvíanse en latín, polo que as frases rituais pronunciadas polos cregos que indico no texto, ben son traducións ou ben son a adaptación posconciliar das mesmas. Na medida do posible procurei respectar o rito vixente no momento a que se refire o relato.

Cruz parroquial de San Cristovo de Armariz



O Enterro


Poucas cousas lembro tan vivamente da miña nenez como as mortes e os enterros na aldea. Dada a relación de convivencia tan estreita entre todos os veciños, o falecemento dunha persoa era vivido como algo persoal, quedando toda a aldea afectada pola triste noticia. Na época que eu recordo non se ingresaba nun hospital, senón que se pasaba toda a enfermidade na propia casa, contando como moito coa visita esporádica do médico.

Administración do Viático

Cando a morte chamaba á porta, xeralmente estivera precedida por unha penosa agonía sen practicamente ningún tipo de medida paliativa para combater a dor. A tristeza e a desesperación ían facendo o seu efecto no ánimo e estado dos familiares incapaces de prestar unha axuda máis eficaz ao moribundo que non cesaba de queixarse. Esta impotencia conducía á progresiva aceptación do inevitable.


O doente quería iniciar o tránsito en paz con Deus e cos vivos. Chamábase ao cura que acudía á casa para confesar ao moribundo e darlle a unción dos enfermos cos santos óleos e administrarlle o viático ou comuñón. Hai que indicar que por Pascua, momento en que se debía cumprir co precepto de confesar e comulgar polo menos unha vez no ano, o cura percorría a parroquia moi cedo para permitir o cumprimento do precepto dos enfermos que non podían desprazarse á igrexa. Ía nesta ocasión revestido cun alba curta ou sobrepeliz branco e estola, co copón das sacras formas cuberto cun pano, acompañado do sancristán que ía tocando unha campaniña.

Duelo nunha casa burguesa

O quinto sacramento é a unción dos enfermos cuxa materia é o aceite de oliva bendicido polo bispo. Este sacramento non debía darse máis que ao enfermo cuxa morte se temía. Aínda que o rito consiste en unxir as distintas partes do corpo representativas dos sentidos, en caso de necesidade podíase realizar unha unción única, coa fórmula integral: "Por esta Santa Unción e pola súa bondadosa misericordia, axúdeche o Señor coa graza do Espírito Santo para que, libre dos teus pecados, concédache a salvación e confórteche na túa enfermidade". Respondía o enfermo: Amén.

Duelo nunha casa rural

Cando xa se producía a morte, preparábase ao defunto. O primeiro era pecharlle os ollos e a boca antes da aparición da rixidez propia do rigor mortis. Se era home afeitábano, lavábano e vestíano coas súas roupas de festa, máis antigamente mesmo co seu propio traxe de voda. Este labor realizábana os seus propios familiares axudados por algún veciño voluntario experto xa nestes mesteres. Quedaba tendido na caixa, coas mans cruzadas sobre o peito, na habitación máis ampla da súa casa, con catro candelabros con velas que eran prestados pola igrexa, distribuídos a ámbolos dous lados da caixa. Colgábanse dous mantóns negros de oito puntas na parede da cabeceira, sobre os que se colgaba un crucifixo. Tapábanse todos os demais mobles e obxectos da estancia con outros mantóns ou teas negras. Instalábanse ao carón da caixa algunhas cadeiras ou bancos para acomodalos familiares, que ían recibindo a visita e pésame de amigos e veciños.

Duelo nunha casa rural

Os cadaleitos eran confeccionados polo carpinteiro local, vernizados en cor marrón escura ou negra. Aínda que sinxelos, contaban cun certo traballo de ebanistería, con adornos en relevo sobre a propia madeira nos laterais e sobre as arestas da tapa. Levaban uns ferraxes de bronce, dous a cada lado, que eran asas para coller a caixa, e sobre a tapa levaba tamén un Cristo crucificado, tamén en bronce. Estes ferraxes e Cristo desmontábanse antes de introducilo cadaleito na terra. Ao longo dos anos cincuenta os cadaleitos xa contaban co interior acolchado e forrado en tea de raso branca. En décadas anteriores o cadaleito no seu interior era un simple caixón de táboas, ao que se lle acomodaba unha pequena almofada para a cabeza do falecido. O exterior sempre contou cunha certa decoración e verniz, dentro da súa sinxeleza.


Durante as longas horas que transcorrían entre o falecemento e o enterro rezábanse moitos rosarios, que adoitaba dirixir algunha muller piadosa con coñecemento dos misterios dolorosos, e habituada a facelo. Pola noite velábase ao morto e acompañábase á familia. Era este un acto moi tradicional na cultura popular galega, onde se unía a tristeza da familia coa normalidade da vida cotiá. O obxectivo do velorio pode interpretarse como unha forma de aliviar a tensión da familia que se sente acompañada ao mesmo tempo que a propia comunidade solidarízase cun dos seus membros que a abandona. Os mozos que acudían ao velorio aproveitaban a ocasión como unha oportunidade máis para relacionarse. Nos velorios, despois de dar as condolencias aos familiares, glosar as calidades do falecido e a tristeza pola súa perda, pasábase a falar das cousas triviais da aldea, de historias, e mesmo con bromas e chistes, que pouco tiñan que ver co sentir da familia. Estas reunións facíanse no exterior da casa durante o bo tempo ou na cociña ao abrigo do lume no inverno. Aínda que isto era o habitual, tamén hai que dicir que había familias que non admitían esa actitude desenfadada e despachaban aos alborotadores. Esta aparente irreverencia talvez ten conexión coa antiga tradición celta, na que o falecido deixaba pagado un gran banquete de despedida, acompañado de abundante alcol, que sen dúbida concluiría nun ambiente festivo e alegre nese transcendental momento.

Celebación do funeral de corpo presente

Producido o falecemento, inmediatamente comezaban a tocar as campás o pranxideiro son de defuntos. Creo lembrar que eran dous toques lentos co bordón ou campá grande, seguidos dun algo máis agudo da campá máis pequena, aínda que non estou seguro. Tampouco recordo se había distinto número de toques segundo o falecido fose home ou muller. Noutros lugares é común que sexan tres toques baixos e un alto para os home, e dous e un respectivamente para as mulleres. Rapidamente toda a parroquia sabía que había unha morte e enseguida corríase a noticia de quen era o falecido. O sancristán continuaba os toques de duración determinada segundo o acordado. O día do enterro as campás tocaban a defuntos ininterrompidamente desde a saída do cadaleito da casa ata a chegada á igrexa. As flores non tiñan unha importancia especial neste acto na nosa parroquia, aínda que se adoitaban alugar en Ourense coroas que chamaban de plumas, coas tradicionais cintas moradas e letras douradas coas dedicatorias habituais de "Recordo de esposa e fillos", e similares. En tempos en que as comunicacións eran moito máis lentas e dificultosas que hoxe en día, o enterro atrasábase ás veces dous ou mesmo tres días desde o falecemento para permitir a chegada dalgún familiar residente nalgún lugar afastado.

Responsos antes da saída para o cemiterio

Unha das imaxes máis dramáticas que lembro da miña nenez na aldea foi a saída do cadaleito dunha casa, co aparatoso que supoñía baixar a caixa polas empinadas escaleiras, onde dificilmente cabían os catro home que debían facelo. A viúva asomábase á xanela cun dramático pranto, en actitude de impedir que levasen o cadaleito, lanzando desesperados berros, encomiando as calidades do falecido, sendo suxeitada por outros familiares que tentaban acougala. Esta escena e outras similares cheas de dramatismo acolloan a calquera non habituado a estes transos. É moi difícil xulgar hoxe estas actitudes, xa que estamos moi afastados da mentalidade e costumes daquela época, non sendo capaz de xulgar canto había de sentimento verdadeiro ou de teatralidade ancestral herdada dos modelos de comportamento vixentes na alma colectiva.

Enterro no cemiterio

Acudía o cura a casa do defunto para levantar o cadáver, acompañado do sancristán co acetre ou caldeirín da auga bendita para mollar o hisopo e bendicir ao falecido asperxendo a auga bendita sobre o cadaleito. Nesta ocasión a única cor branca que se vía era o alba branca coa que se revestía o cura para o cerimonial. Previa unha oración e responso e aspersión da auga bendita co hisopo, pechábase a caixa cravando a tapa, que era levada aos ombreiros por catro homes. Hai que sinalar a considerable distancia que hai na nosa parroquia desde calquera casa ata o cemiterio. Portar o féretro ata o seu destino final non era un simple xesto protocolario senón un servizo duro e canso que realizaban os homes conveciños do falecido, tornándose periodicamente. Hai que lembrar o difícil estado dos camiños naqueles tempos cando aínda non había estradas e os camiños carecían do firme asfaltado actual. Abría a comitiva un estandarte negro, escoltado por dous farois da parroquia inseridos na punta do seu mastro, seguido da cruz parroquial, logo ía o ataúde e a continuación o cura escoltado polo sancristán sempre co acetre e o hisopo ao alcance do párroco. Seguían a continuación catro familiares coas velas acesas que iluminaron ao falecido na súa casa, terminando o cortexo co resto de asistentes, veciños e amigos do finado. Levábase unha especie de pequena mesa para apoiar a caixa nos cruces dos camiños onde se rezaban responsos e aproveitábase para relevar aos carrexadores. Os familiares máis directos non asistían ao enterro, especialmente no caso de esposa e fillas, quedando na casa sumidas no pranto.

Enterro de primeira con sete curas

Os funerais eran actos multitudinarios. Practicamente asistía toda a parroquia e xente procedente doutros lugares próximos onde o falecido ou a súa familia tivesen relacións de amizade ou de trato comercial. Acudían tamén todos os familiares mesmo se o parentesco era dun grao afastado e aínda que non se visen con habitualidade para outros actos sociais. Era norma que se por razóns de traballo inaprazable non podían ir ao enterro todos os membros dunha familia, que acudise polo menos un representante.

Exemplos de loito en mulleres e homes

Á porta da igrexa esperaban o resto de curas concelebrantes tamén revestidos da súa túnica branca. Ao chegar á porta da igrexa pousábase a caixa na mesa que se levaba para o efecto, comezando os responsos que eran pagados polos asistentes que honraban así ao falecido. Dependendo da contía pagada, así era o responso de longo ou de florido, podendo ser rezado ou cantado en gregoriano. Todo este cerimonial era en latín, que ninguén entendía, polo que non faltaban os algareiros que traducían o canto dos curas, e coa tradicional chacota dicían:


¿Sabedes ou que cantan os cregos no responso?

"Cinco duros, cinco duros, cinco duros ben seguros a conta de catro burros".


O funeral era unha cerimonia fundamental para a xente daquela época, que non escatimaba en gastos para asegurarse a entrada no ceo directamente sen pasar polo purgatorio, pagando custosos enterros. Había enterros sinxelos, cun, dous ou tres curas, sendo enterros con capote cando había máis de catro curas oficiantes. Era a familia a que ía ás parroquias veciñas para contratar a asistencia doutros curas, o que supoñía un gasto considerable nunha época en que sempre eran escasos os recursos económicos das familias. A categoría do enterro era unha forma de manifestar o potencial económico dunha familia.

Ataúde infantil

Unha vez terminados os responsos introducíase o ataúde na igrexa quedando depositado no corredor central ao bordo do presbiterio e bordeado por seis candelabros con cirios, tres a cada lado aínda que isto dependía do contratado, que fose con cera ou sen cera. Era entón cando todos os curas oficiantes se revestían coas casullas e capotes negros. Cantábanse entón as vixilias polos curas celebrantes sentados a ámbolos dous lados do presbiterio diante do altar, uns enfronte doutros. Naquela época o cerimonial era en latín, sendo incomprensible e misterioso para todos os asistentes que escoitaban acolloados os responsos e demais esconxuros litúrxicos. Terminadas as vixilias tocábanse entón as tres badaladas regulamentarias e comezaba a misa.


Terminado o cerimonial procedíase a dar terra ao defunto. Naquela época, aínda que xa algunhas poucas familias dispoñían do seu panteón particular, o normal era o enterro nunha fosa cavada na terra, traballo que facía o enterrador. Procedíase naquel momento a desposuír a caixa dos ferraxes metálicos de bronce, as asas laterais e a cruz co Cristo que tiña cravada na tapa. A continuación pasábanse dúas cordas por baixo da caixa, que suxeitas polos seus extremos por catro homes, facíana baixar lentamente ao fondo da fosa. Estes momentos eran de silencio sepulcral, oíndose só os responsos e oracións recitados polo cura e algún pranto contido ou algunha escena máis dramática mostrada por algún familiar directo que estivese presente.

Duelo por neno morto

Os amigos ou algún familiar asistente collían un puñado de terra, bicábana e botábana sobre a caixa. Chegados a este punto a xente dispersábase cada un ás súas obrigacións, quedando o sepultureiro cubrindo a fosa e formando un resalte ou túmulo sobre o chan coa forma da caixa. Cravábase unha cruz na cabeceira, que podía ser de madeira ou outro material.


O recinto do cemiterio non é excesivamente grande e dada a poboación tan numerosa que había nesa época, era moi frecuente que ao facer unha fosa para un enterramento aparecesen ósos e restos de anteriores enterros. Estes restos botábanse no osario que había anexo á igrexa no seu lateral esquerdo. O osario era como un cadrado construído en pedra, dunha altura duns dous metros, sen cuberta.


Despois do enterro os familiares regresaban á casa do falecido, onde afacían compartir comida, tentando volver á normalidade. Pasábase revista á situación en que queda a familia e comentábanse e discutíanse as disposicións a tomar, especialmente a distribución entre eles dos gastos do enterro. Ese retorno á normalidade cotiá, xa que a vida continúa, reflíctese na seguinte copla:


O defunto está na igrexa, 
a muller esta apenada,  
imos comendo e bebendo, 
con chorar non se fai nada.
Duelo por neno morto

Os familiares ofrecían misas periodicamente polo eterno descanso do falecido, que pagaban ao párroco, e que eran anunciadas na misa dominical para coñecemento dos máis achegados con obxecto de convidalos á celebración. Caso particular era o novenario, que consistía en nove misas e rosarios que se celebraban durante nove días seguidos despois do enterro. Como acto de especial relevancia tamén lembramos que era habitual celebrar o Funeral Aniversario, coñecido como cabo de ano. Este acto consistía nunha misa á que se convidaba a asistir a todos os familiares, amigos e demais coñecidos e que era como un segundo funeral, con misa e responsos.


Unha vez producido o falecemento, os familiares sometíanse a un período de duelo que se manifestaba nun loito rigoroso. A duración do mesmo dependía do grao de parentesco co falecido. A viúva levaba loito rigoroso durante dous ou tres anos como mínimo, pero se era de mediana idade, xeralmente mantíñao xa para sempre. Polos pais ou fillos tamén eran dous anos de loito. Por un irmán, un ano e polos avós seis meses. Na nosa parroquia non se afacía a gardar loito por tíos ou curmáns. Durante o tempo de loito non se asistía a ningunha festa nin manifestación social, salvo ir á misa e a traballar. Non se poñía a radio cando xa a había nin se cantaba. Transcorrido ese primeiro período comezábase co alivio de loito, introducindo algunha cor discreta, como o branco, nos colos ou nalgunha peza secundaria, por exemplo nas blusas. Finalmente levábase medio loito con cores discretas como o gris ou malva antes de dar por terminado o duelo.

Enterro infantil

Os homes manifestaban o loito coa gravata negra, un brazalete negro sobre a manga da chaqueta, un botón forrado de negro na lapela ou unha cinta cosida na lapela. Se usaban chapeu, tamén levaba unha cinta negra ao redor da copa. As mulleres levaban todas as súas pezas de negro rigoroso, incluída a roupa interior. Para aproveitar a roupa existente, e dada a escaseza de recursos da época, procedíase a tinguir toda a existente, cocendo as pezas en auga con tinguidura negra en grandes potas.


Xa nos anos cincuenta afacíase encargar recordatorios do falecemento onde constaban os datos do falecido, nome, idade, data do falecemento, e nome dos familiares con indicación do parentesco, rogando a todos unha oración polo seu eterno descanso. Estes recordatorios tiñan no seu anverso unha imaxe da paixón, ben un Cristo crucificado coroado de espiñas, ou unha Virxe Dolorosa chorando.


Un caso particular dos enterros eran os que correspondían aos nenos falecidos. O proceso xeral non se diferenza moito do dos adultos, agás que todo se adornába de branco. Na habitación onde se velaban estaban os mobles cubertos de branco, así como a saba que se poñía na cabeceira baixo o crucifixo. A caixa era tamén branca. Os nenos que foron os seus compañeiros e amiguiños, acudían a visitalo para darlle o seu adeus. Serán estes nenos ou nenas quen portarán a caixa ata o cemiterio, dependendo de que o falecido fose neno ou nena. Nestes casos a caixa portábase suxeita polas asas laterais e non ao ombreiro.

Peto de ánimas de Saa

Os petos de ánimas son construcións en pedra, xeralmente en cruces de camiños, que se construíron fundamentalmente a partir do século XVIII, e cuxa finalidade era recoller as esmolas dos camiñantes para liberar as ánimas que temporalmente están no purgatorio antes de poder entrar no ceo. Como contrapartida, estas ánimas liberadas intercederán no futuro por aqueles que lles axudaron coas súas esmolas. Adoitan estar rematados por unha cruz, contando con algunha imaxe alegórica ás ánimas do purgatorio protexida por barrotes e un peto na parte frontal para depositar a esmola.

Anverso de un recordatorio de falecemento
Reverso de un recordatorio de falecemento

As fotos que ilustran este post son maioritariamente tomadas da web, sen que poida precisar a súa orixe, polo que agradezo aos autores a súa inestimable contribución para manter na memoria esas imaxes que nos achegan un pasado xa afastado. As fotos dos funerais en Galicia creo que son maioritariamente do fotógrafo Virxilio Vieitez, cuxa achega, para aportarnos un auténtico testemuño etnográfico da nosa terra, é impagable.


No hay comentarios:

Publicar un comentario